Monday 06 de May de 2024

O espectáculo do Centro Dramático Galego “O Charco de Ulises” chega ese venres a Arteixo


— A adaptación da Odisea da unidade teatral da Xunta de Galicia ao contexto da migración galega representarase no Auditorio do Centro Cívico e Cultural ás 20,00 h.

— Tras viaxar a Montevideo e Bos Aires, a peza dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso encara a recta final da xira coa que está a percorrer 20 escenarios de Galicia e do norte de Portugal ata o domingo

A produción do Centro Dramático Galego (CDG) O charco de Ulises, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, está este venres día 10 en Arteixo, cunha única función no Auditorio do Centro Cívico e Cultural ás 20,00 h. Tras viaxar a Montevideo, en Uruguai, e Bos Aires, en Arxentina, o espectáculo da unidade teatral da Xunta volve a Galicia para encarar a recta final da xira iniciada en novembro e que o está a levar por 20 concellos galegos e do norte de Portugal ata o domingo.

As entradas para a sesión do venres poden adquirirse o mesmo día no despacho de billetes, de 11,30 a 13,30 h., e dúas horas antes do inicio. Tras a función de Arteixo, a montaxe exhibirase en Narón, o sábado, e no concello lugués de Vilalba, o domingo, na que será a derradeira representación da xira.

O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama da obra, escrita por Santiago Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.
Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

No equipo artístico figuran Pablo Giráldez O Pastor no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na coreografía de tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección, Xandre Vázquez na de produción e Keka Losada na de produción en xira.
Novo modelo de distribución
O charco de Ulises estreouse o 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago, onde tiña previsto permanecer durante catro semanas de representacións, que tiveron que ser suspendidas no seu tramo final por mor da pandemia. A súa posta en escena inauguraba, ademais, unha nova etapa na compañía da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que mudou a temporalización na distribución dos espectáculos de produción propia para reforzar o papel do CDG como motor escénico galego a partir da crise sanitaria.